Silencio.
Escoita o sol,
Escoita o vento.
Oénse os pasos
dun balbordo automático.
Silencio.
Naces.
Estudias.
Traballas.
Búscase vida adulta programada.
Silencio.
O sangue é máis espeso cá auga.
Se che empresto unha pinga,
ti devolverasme
unha fonte enteira.
Ssshhh. Silencio.
Quéixaste ao mundo
como unha muller nunha gaiola.
Dóeste, tes medo.
Enmaráñanseche as ás.
Sucumbes ao silencio.
Loitas.
Berras.
Voas
tan alto como podes e
derrotas ao silencio.
Agora escribes nas paredes,
dormes á intemperie,
mófaste da falsa tristura
dun camareiro.
Ríste,
presumes da túa brillante plumaxe de femia.
Nunca calas.
Xa non escoitas o silencio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario